Archive for Xuño, 2009

O Goberno paraliza a creación dunha policía galega

Mentres o conselleiro de Presidencia paraliza a creación dunha policía galega que fora planeada polo bipartito, noutro lugar da galaxia o grupo parlamentario do PP, a través do seu deputado Pedro Puy, xunto con PSdeG e BNG, acordaron que van reclamar no Congreso a transferencia a Galiza das competencias complementarias de Tráfico, Circulación de Vehículos e Seguridade Viaria. Ou iso di Vieiros. Alguén entende algo aquí?

24/06/2009 at 2:22 pm Deixar un comentario

A Xunta garantirá os “dereitos lingüísticos” dos opositores

Esta noticia publicada na web da Xunta ben merece unha análise semiótica: Facenda garantirá os dereitos lingüísticos dos opositores e priorizará contar cos mellores profesionais na Administración. Ollo: prevalecen os dereitos dos opositores e non os dereitos dos administradores, que somos os que lle imos pagar. Atención a como son usadas palabras como “dereito”, “liberdade”, “discriminación”…

Actualización (24/06/09): El PP suprime “por consenso” el test del gallego a funcionarios (El País Galicia). O do “consenso” é brincadeira, claro.

23/06/2009 at 12:46 pm 2 comentarios

Volta Ángel del Real, volta o Prestige

Lembran o nome de Ángel del Real? Si, o capitán marítimo da Coruña que foi un dos tres altos cargos imputados polo caso Prestige,  xunto co director xeral da Mariña Mercante, José Luis López-Sors e o delegado do Goberno en Galicia, o inefable Arsenio Fernández de Mesa. Pois acaba de ser nomeado presidente da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao, en substitución de Amable Dopico, supoñemos que para agradecerlle os servizos prestados.

Na noticia da Voz non atoparán a penas información sobre o seu pasado recente, faltaría máis, pero en El País temos un completo currículum para quen non lembre perfectamente quen é este señor.

23/06/2009 at 10:06 am Deixar un comentario

Agora Touriñán

O único que se coñece do Goberno Feijoo son as decisións do bipartito que quere botar abaixo. E agora tocoulle ao cabo Touriñán, que logo de ser salvado da desfeita volve a ser pasto dos políticos e dos empresarios sen escrúpulos. Xa tiñamos o desastre permitido pola era Fraga do cabo Vilán e agora as poutas de Pescanova sobrevoan Touriñán. Cóntao Vieiros.

22/06/2009 at 9:35 pm Deixar un comentario

A Xunta reduce á metade o seu apoio ás bandas populares

Segundo vén de denunciar a Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP, unha asociación que aglutina 93 bandas galegas e máis de 5500 músicos) logo de reunirse co conselleiro de Cultura e co director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, o Goberno reducirá á metade o apoio económico que viña recibindo ata o momento, polo que terán que anular ou aprazar boa parte das actividades previstas para este ano.

17/06/2009 at 10:25 am Deixar un comentario

As primeiras protestas do sector cultural, as do teatro

Hoxe o Consello da Cultura Galega acolleu a primeira protesta sectorial contra a política cultural do Goberno Feijoo, que lles adebeda un millón de euros. Numerosos profesionais do cine e do teatro galego convocaron os medios de comunicación para expresar a súa preocupación pola situación de “parálise” que atravesa o sector. Segundo a AAAG (Asociación de Actores e Actrices de Galicia), corren perigo ducias de postos de traballo, polo que demandan “diálogo” e “negociación” por parte dos responsábeis políticos e advirten que de non lograr unha resposta “inmediata” e “satisfactoria” desde a Administración autonómica, adoptarán “as medidas que fagan posíbel desbloquear” as súas demandas.

As reivindicacións máis urxentes do sector refírense á tramitación e ao pagamento das facturas polos traballos realizados, que o colectivo cifrou nun millón de euros a día de hoxe. “Desde o 1 de marzo non se pagou ningún traballo feito para a AGADIC”, afirmaron.

Explícano na web de AAG e en CulturaGalega.org.

16/06/2009 at 5:16 pm Deixar un comentario

Información partidaria na web da Xunta

Levabamos semanas observando na web da Xunta de Galicia os numerosos exemplos de noticias partidarias (PPdeG) nas que se ataca á oposición (PSdeG e BNG) como nunca se fixera desde unha fonte institucional. E Xornal de Galicia vén de publicar unha noticia na que nos relata isto mesmo, apuntando titulares como “Agustín Hernández acusa a PSOE e BNG de vender fume”, “Economía acusa ao BNG de mentir” ou “Traballo lamenta a desinformación do BNG”. Observemos tamén a evolución do DOG, non vaia ser.

16/06/2009 at 12:10 pm Deixar un comentario

Artigos máis antigos


Calendario

Xuño 2009
L M M X V S D
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930  

Posts by Month

Posts by Category