Confirmado: non haberá Premios Nacionais

Xa sabemos que os cartos son a causa de moitos problemas e a escusa doutros tantos. Logo de idas e voltas e segundo afirma Xornal de Galicia, o novo Goberno suprimirá os Premios Nacionais da Cultura Galega porque seica “custan unha fortuna”. Ao PP non lle deben gustar, como mínimo, tres das catro palabras do nome: nacionais, cultura, galega.

Aproveitamos para parabenizar un ano despois aos posuidores do primeiro e único destes galardóns: Manuel Gallego Jorreto (Arquitectura e Espazos Públicos), Francisco Leiro (Artes Visuais), Margarita Ledo (Cine e Audiovisual), Museo do Pobo Galego (Cultura Tradicional e de Base), Xosé Luís Méndez Ferrín (Literatura), Francisco Díaz Fierros (Pensamento e Cultura Científica), remodelación urbana de Pontevedra (Patrimonio Cultural), Laboratorio de Formas (Iniciativa Cultural) e Manuel Lourenzo (Artes Escénicas).

Xa borraron a web oficial dos Premios (http://www.premiosnacionaisdaculturagalega.org/), pero podemos atopar máis información na Galipedia.

Advertisement

04/07/2009 at 11:32 am Deixar un comentario

Importante recurte ao Diario Cultural

Hai moitas maneiras de acabar cun programa. Pode  ser pola brava, como aconteceu co ‘Aberto por Reformas’, ou aos poucos, como parece que queren facer os novos xestores da Radio Galega co Diario Cultural, o mellor programa cultural do país, o máis veterano, o máis emblemático. Segundo nos conta Vieiros ou mesmo dúas implicadas no caso, Déborah Campos e Helena González, a nova dirección da RG decidiu prescindir da sección de opinión deste espazo por “motivos económicos”. O espazo de opinión do Diario correspondía a Helena González os luns, Bieito Iglesias os martes, Xosé Carlos Caneiro os mércores, Débora Campos o xoves, e Miguel Anxo Murado os venres.

04/07/2009 at 11:19 am Deixar un comentario

O Goberno paraliza a creación dunha policía galega

Mentres o conselleiro de Presidencia paraliza a creación dunha policía galega que fora planeada polo bipartito, noutro lugar da galaxia o grupo parlamentario do PP, a través do seu deputado Pedro Puy, xunto con PSdeG e BNG, acordaron que van reclamar no Congreso a transferencia a Galiza das competencias complementarias de Tráfico, Circulación de Vehículos e Seguridade Viaria. Ou iso di Vieiros. Alguén entende algo aquí?

24/06/2009 at 2:22 pm Deixar un comentario

A Xunta garantirá os “dereitos lingüísticos” dos opositores

Esta noticia publicada na web da Xunta ben merece unha análise semiótica: Facenda garantirá os dereitos lingüísticos dos opositores e priorizará contar cos mellores profesionais na Administración. Ollo: prevalecen os dereitos dos opositores e non os dereitos dos administradores, que somos os que lle imos pagar. Atención a como son usadas palabras como “dereito”, “liberdade”, “discriminación”…

Actualización (24/06/09): El PP suprime “por consenso” el test del gallego a funcionarios (El País Galicia). O do “consenso” é brincadeira, claro.

23/06/2009 at 12:46 pm 2 comentarios

Volta Ángel del Real, volta o Prestige

Lembran o nome de Ángel del Real? Si, o capitán marítimo da Coruña que foi un dos tres altos cargos imputados polo caso Prestige,  xunto co director xeral da Mariña Mercante, José Luis López-Sors e o delegado do Goberno en Galicia, o inefable Arsenio Fernández de Mesa. Pois acaba de ser nomeado presidente da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao, en substitución de Amable Dopico, supoñemos que para agradecerlle os servizos prestados.

Na noticia da Voz non atoparán a penas información sobre o seu pasado recente, faltaría máis, pero en El País temos un completo currículum para quen non lembre perfectamente quen é este señor.

23/06/2009 at 10:06 am Deixar un comentario

Agora Touriñán

O único que se coñece do Goberno Feijoo son as decisións do bipartito que quere botar abaixo. E agora tocoulle ao cabo Touriñán, que logo de ser salvado da desfeita volve a ser pasto dos políticos e dos empresarios sen escrúpulos. Xa tiñamos o desastre permitido pola era Fraga do cabo Vilán e agora as poutas de Pescanova sobrevoan Touriñán. Cóntao Vieiros.

22/06/2009 at 9:35 pm Deixar un comentario

A Xunta reduce á metade o seu apoio ás bandas populares

Segundo vén de denunciar a Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP, unha asociación que aglutina 93 bandas galegas e máis de 5500 músicos) logo de reunirse co conselleiro de Cultura e co director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, o Goberno reducirá á metade o apoio económico que viña recibindo ata o momento, polo que terán que anular ou aprazar boa parte das actividades previstas para este ano.

17/06/2009 at 10:25 am Deixar un comentario

As primeiras protestas do sector cultural, as do teatro

Hoxe o Consello da Cultura Galega acolleu a primeira protesta sectorial contra a política cultural do Goberno Feijoo, que lles adebeda un millón de euros. Numerosos profesionais do cine e do teatro galego convocaron os medios de comunicación para expresar a súa preocupación pola situación de “parálise” que atravesa o sector. Segundo a AAAG (Asociación de Actores e Actrices de Galicia), corren perigo ducias de postos de traballo, polo que demandan “diálogo” e “negociación” por parte dos responsábeis políticos e advirten que de non lograr unha resposta “inmediata” e “satisfactoria” desde a Administración autonómica, adoptarán “as medidas que fagan posíbel desbloquear” as súas demandas.

As reivindicacións máis urxentes do sector refírense á tramitación e ao pagamento das facturas polos traballos realizados, que o colectivo cifrou nun millón de euros a día de hoxe. “Desde o 1 de marzo non se pagou ningún traballo feito para a AGADIC”, afirmaron.

Explícano na web de AAG e en CulturaGalega.org.

16/06/2009 at 5:16 pm Deixar un comentario

Información partidaria na web da Xunta

Levabamos semanas observando na web da Xunta de Galicia os numerosos exemplos de noticias partidarias (PPdeG) nas que se ataca á oposición (PSdeG e BNG) como nunca se fixera desde unha fonte institucional. E Xornal de Galicia vén de publicar unha noticia na que nos relata isto mesmo, apuntando titulares como “Agustín Hernández acusa a PSOE e BNG de vender fume”, “Economía acusa ao BNG de mentir” ou “Traballo lamenta a desinformación do BNG”. Observemos tamén a evolución do DOG, non vaia ser.

16/06/2009 at 12:10 pm Deixar un comentario

Carril bici non

O Goberno Feijoo anulou nada máis chegar a San Caetano a adxudicación da obra dun carril bici de Vigo a Baiona. Esta fin de semana centos de ciclistas saíron á estrada para participar nunha marcha reivindicativa pola recuperación deste proxecto.

15/06/2009 at 6:50 pm Deixar un comentario

Artigos máis antigos


Categorías

  • Fontes

  • Feeds